APEHL

A Apehl alégrase de que Movistar non autorice a retransmisión do Obradoiro-Breogán nunha pantalla xigante no centro de Lugo

22.03.2024. O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, transmite a súa satisfacción tras coñecer esta mañá a negativa de Movistar para autorizar unha pantalla xigante no centro de Lugo que posibilitase a retransmisión do partido do Obradoiro-Breogán deste sábado.

“Alegrámonos enormemente desta decisión porque defendemos os intereses dos nosos hostaleiros, que pagan as cotas, cada vez máis altas, destes servizos para poder encher os seus locais en días coma estes”, recalca Real.

A Apehl mesmo comunicou esta petición a Hostelería de España para que defendese esta posición e finalmente Movistar, “con moi bo criterio –opina Real”, rexeitou a proposta por ir en contra dos intereses dos seus propios clientes.

Cheché Real engade que “se cada vez que hai un evento deste tipo colocásemos pantallas xigantes en localizacións públicas, os locais hostaleiros quedarían baleiros”.