APEHL

O XIV Estase Cocendo arrinca mañá na Ribeira Sacra

08.03.2024. O Centro do Viño da Ribeira Sacra acolleu esta tarde o acto inaugural do Estase Cocendo 2024, evento organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) e patrocinado pola Deputación de Lugo, que se desenvolverá desde mañá sábado 9 de marzo ata o domingo 24. Na presentación dedicouse esta décimo sexta edición das Xornadas do Cocido da Ribeira Sacra á historia do ferrocarril na comarca.

O acto contou coa presencia de Cheché Real, presidente da Asociación de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl); Gloria Prada, primeira tenente de alcalde do Concello de Monforte de Lemos; Pilar García, deputada da Área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, e Paloma Vázquez, xefa da Área Provincial de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo.  Ademais, tamén estiveron presentes o director xeral de Renfe Viaxeiros, Javier Pérez; o director do Museo do Ferrocarril de Galicia, Luis Álvarez, e a delegada da Apehl en Monforte de Lemos, Beatriz Vila.

Real deu a coñecer os establecementos participantes nesta cita gastronómica xa clásica da Ribeira Sacra. “O público poderá degustar este prato típico en máis dunha trintena de establecementos hostaleiros das localidades de Bóveda, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Portomarín, Ribas de Sil, Quiroga, O Saviñao e Sober", enumerou. Ao longo de todo o mes, algúns locais ofrecerán tapas de cocido –a un prezo de 1,5 €– nas fins de semana e outros porán a disposición dos clientes cocido de menú ou de prato do día. Como xa viña sendo habitual en anteriores edicións, tamén haberá prezos especiais en numerosos hoteis, pensións e casas de turismo rural da comarca.

Ademais, as persoas que proben o cocido en calquera das modalidades ofertadas serán agasalladas cunha rifa coa que optarán a unha cesta de produtos de porco da Asociación Prodeme. Levarase a cesta quen teña a rifa coas catro últimas cifras iguais que as do número premiado no sorteo da ONCE do 30 de marzo. Se en 10 días non aparece o gañador, o segundo sorteo de referencia será o do 13 de abril.

ACTIVIDADES LÚDICAS

O programa conta tamén cunha serie de actividades, como son unha quedada de motos para o día 24 de marzo, visitas guiadas por Monforte e o Cocido das Meigas para o día 16 de marzo.

A maiores, algúns negocios turísticos ofertan ao longo deste mes alternativas lúdicas como visitas a bodegas, paseos a cabalo ou rutas en segway pola Ribeira Sacra.

O Estase Cocendo é unha iniciativa da Apehl que conta co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo e coa colaboración dos Concellos de Monforte de Lemos, Quiroga e Sober, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, do Centro do Viño da Ribeira Sacra, da Asociación Prodeme, das adegas Val do Frade e Cruceiro, de En Lá, do Salón de Beleza María, da Floristería Flor y Fauna e do Centro Comercial Urbano de Monforte.

Toda a información, neste díptico