APEHL

IG260. Préstamos para investimentos estratéxicos 2024

06.02.2024. Préstamos directos do Igape en réxime de concorrencia non competitiva. Axuda en réxime de minimis.


Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias dos préstamos regulados nestas bases aquelas empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de
préstamo, conforme aos requisitos que se detallan no anexo I.
2. Poderán ser tamén beneficiarias as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, agrupacións de interese económico, as sociedades civís e comunidades de bens.
3. Non poderán ter a condición de beneficiarios dos préstamos:
a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas.
b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores. En particular, entenderanse nesta situación ao atoparse declarados en concurso.
c) As entidades nas que concorrese algunha das circunstancias previstas no art. 10.2 da Lei 9/2007.


Sectores incentivables
Os proxectos financiables deberán estar vinculados ás actividades establecidas como financiables, independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante.
Sectores de actividade (CNAE):
03 - Pesca e acuicultura.
05 a 09 - Industrias extractivas.
10 a 33 - Industrias manufactureiras.
35 a 39 - Fornecemento de enerxía e auga, e xestión de residuos e descontaminación.
42 a 43 - Construción de redes e construción especializada.
46 - Comercio por xunto e intermediarios, salvo vehículos de motor e motocicletas.
49 a 53 - Transporte e almacenamento.
55 a 56 - Hostalería.
58 a 63 - Información e comunicacións.
69 a 75 - Actividades profesionais, científicas e técnicas.
77.3 - Alugamento de maquinaria, equipamentos e bens tanxibles.
79 - Axencias de viaxes, operadores turísticos, servizos de reservas e actividades relacionadas
con estes.
80 a 82 - Actividades de seguridade e investigación e outras actividades auxiliares das empresas.
87 a 88 - Asistencia en establecementos residenciais e servizos sociais sen aloxamento.
90 a 93 - Actividades artísticas, recreativas e de entretemento.
Excepto: O CNAE 12 Industria do tabaco, e o que se refira ao sector das fibras sintéticas.
Excepto CNAE 60 Actividades de programación e emisión de radio e televisión.
O anterior requisito relativo ao sector de actividade non será esixible cando se trate de investimentos a levar a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas.


Requisitos

1. Importe
A actuación deberá presentar un custo financiable en activos fixos igual ou superior a 1.000.000 € máis impostos.

Este límite non se aplicará aos “proxectos industriais estratéxicos” ou proxectos incluídos no Plan de Impulso e Aceleración de Proxectos Industriais, ou proxectos que formen parte dun proxecto global que conte con algunha das declaracións anteriores, así como aqueles considerados de especial interese social e/ou económico para Galicia polo Consello de Dirección do Igape, nin aos proxectos levados a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas que cumpran os requisitos para a bonificación do tipo de xuro establecida no parágrafo segundo do apartado D.4.a)
A solicitante deberá acreditar capacidade para financiar a parte do proxecto non cuberta polo préstamo. Polo menos un 25% do volume de financiamento previsto para a actuación deberá estar exento de apoio público.


Condicións do produto financeiro
1) O préstamo poderá ser bilateral entre o Igape e a beneficiaria, ou sindicado con unha ou varias
entidades de crédito.
2) Importe mínimo e máximo.
O importe mínimo do préstamo ou da participación do Igape no sindicato bancario será de 500.000 € e un límite máximo de 5.000.000 €. Non se aplicarán os límites de importe anteriores nos casos de “proxectos industriais estratéxicos” ou proxectos incluídos no Plan de Impulso e Aceleración de Proxectos Industriais, ou proxectos que formen parte dun proxecto global que conte con algunha das declaracións anteriores, así como aqueles considerados de especial interese social e/ou económico para Galicia polo Consello de Dirección do Igape.
O importe mínimo anterior non será de aplicación nos proxectos referidos no segundo parágrafo da letra C.1) anterior.
En ningún caso superará o 50 % do custo do proxecto financiable.


Prazos de amortización e de carencia
Axustados ao plan económico-financeiro, cun máximo de 12 anos, podendo incluír carencia na amortización de principal. Excepcionalmente poderán ter unha duración de 15 anos, cando polas características do proxecto e polo plan de financiamento se demostre a necesidade deste maior prazo de reembolso e se refiran entre outros a “proxectos industriais estratéxicos” ou proxectos incluídos no Plan de Impulso e Aceleración de Proxectos Industriais, ou proxectos que formen parte dun proxecto global que conte con algunha das declaracións anteriores, así como aqueles considerados de especial interese social e/ou económico para Galicia polo Consello de Dirección do Igape.


Tipo de xuro ordinario
O tipo de xuro nominal anual será fixo, determinado no momento da concesión como resultado de restar ao tipo de mercado determinado conforme ao establecido no anexo II das bases reguladoras, unha bonificación, no seu caso, de ata un máximo de 5 puntos porcentuais. En ningún caso o tipo de xuro resultante será inferior ao 0%.


Calificación requerida do proxecto
Non se establecen criterios específicos de avaliación. Concederanse todas as solicitudes que superen os limiares de cualificación do risco e cumpran os requisitos das bases reguladoras, ata o esgotamento do orzamento.


Investimentos ou gastos computables
Poderán ser financiados os seguintes conceptos:
a) Bens tanxibles cuxo uso previsto pola beneficiaria sexa a produción ou subministro de bens ou servizos, ou ben para fins administrativos: terreos e bens naturais, construcións, instalacións técnicas, maquinaria, útiles, outras instalacións, mobiliario, equipamentos para proceso de información e elementos de transporte, así como outro inmobilizado material necesario para o desenvolvemento da actividade. Exclúense os investimentos inmobiliarios, entendendo como tales os activos inmobles que se adquiran ou constrúan para obter rendas, plusvalías ou ambas.
b) Bens intanxibles, tales como investigación, desenvolvemento, concesións administrativas, propiedade industrial ou intelectual, dereitos de traspaso e aplicacións informáticas.
c) Capital de explotación: entendendo como tal o incremento permanente de capital corrente necesario para a actividade , que deberá cumprir os seguintes dous requisitos:
1º. A contía financiable por este concepto será determinada polo Igape en base a solicitude da titular, aos estados financeiros históricos e as previsións de actividade.
2º. Os fondos obtidos do produto financeiro con esta finalidade serán aplicados ao pagamento a provedores e acredores dos seguintes conceptos de gasto corrente do exercicio:
i) Compras de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, mediante transferencia ou pago de efectos.
ii) Prestación de servizos: arrendamentos e canons, reparacións e conservación, servizos de profesionais independentes, transportes, publicidade, propaganda e relacións públicas, subministracións e outros servizos relacionados coa actividade.
iii) Gastos de persoal: soldos e salarios, indemnizacións, seguros sociais e outros gastos sociais.
iv) Gastos financeiros asociados á operativa da conta específica, se é o caso.
v) Primas de seguros, en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.
O investimento en capital de explotación non poderá superar o 50 % do gasto financiable total.


Contía das axudas
Os puntos porcentuais de redución do tipo de xuro serán 5, agás nos casos nos que a axuda implícita sumada ás outras axudas amparadas na normativa minimis que foran percibidas pola titular durante tres exercicios consecutivos supere o límite aplicable na citada normativa.
Nestes supostos, poderán reducirse os puntos porcentuais de bonificación para axustar a axuda implícita ao límite dispoñible. Unha vez descontada a subvención, o tipo de xuro nominal pagadoiro trimestralmente resultante para a beneficiaria non poderá ser inferior a 2 puntos porcentuais.

Incompatibilidades
Os préstamos recollidos nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra axuda.
Para os casos nos que se considere axuda implícita, serán compatibles con outras a condición de que o importe conxunto non supere os límites máximos de intensidade da axuda resultantes da normativa de aplicación.
A solicitude expresa da titular e con carácter previo á formalización do préstamo, poderá renunciar á axuda implícita, para poder combinar e compatibilizar o financiamento con outras axudas públicas.

 

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo rematará o 29 de novembro de 2024, ás 14.00 horas ou cando se esgote o crédito orzamentario.

Descargar documentación